Traballo de laboratorio

Nestes últimos meses experimentamos un cambio de localización, pasamos do campo ao gabinete e entre unhas e outras cousas, estivemos un pouco ausentes. Pero volvemos para contarvos todo o que fomos facendo ao longo destes meses.
Como xa vos comentamos en “Post” anteriores o estudo dun xacemento a través da exhumación do seu pasado non acaba cando pechamos a campaña de campo senón que, aí comeza un labor tanto ou máis importante que a escavación, o estudo de todo o material que se xerou durante a intervención arqueolóxica.
Toda a información que se recuperou e se creou durante a campaña de escavación a modo de material arqueolóxico, fichas de UEs, fotografías, planos, debuxos, entre outros, tradúcense a posteriori en meses e meses de traballo, no laboratorio/gabinete.
Hai que ter en conta que por máis información que recuperemos en campo se non existe un traballo posterior con todo ese material, todas as horas que nos pasamos cavando, picando e paleando non servirían de nada, porque é necesario poñer en orde todas as pezas do crebacabezas.
Esta tarefa non é fácil e require dunha planificación previa do traballo na que se teña claro en que vai consistir. Pensade que, do mesmo xeito que no campo, os labores desenvolvidos no laboratorio responden igualmente a un método e a unha sistematización do mesmo.

Cales son as tarefas que imos realizar no laboratorio?
Ao longo desta e de próximas publicacións imosvos ir contando en que consiste o traballo de laboratorio.
Como sabedes todas as pezas extraídas durante a escavación gárdanse en bolsas que van debidamente etiquetadas con: acrónimo da escavación, ano da campaña, número do sector ou sondaxe, número de Unidade Estratigráfica á que pertence, data, tipo de material. Por que digo isto, porque ao longo de todo o proceso que se vai a desenvolver no gabinete ten que estar moi presente toda esta información para evitar problemas de descontextualización do material.
En primeiro lugar, levaremos a cabo a ORDENACIÓN do material. En que consiste? En facer unha selección previa do material atendendo ao tipo de materia prima: cerámica, óso, pedra, vidro ou metal. Esta primeira clasificación responde a que dependendo do material este debe ser tratado dunha ou outra maneira, o metal e o óso non deben ser mergullado en auga, e requiren dun tratamento especial do que se encarga o restaurador. Pola contra, o vidro, a cerámica e a pedra poden ser lavados con auga, aínda que nalgúns casos temos que ter algunhas precaucións, como xa iremos vendo.

En segundo lugar, toca mancharse as mans, LIMPEZA DO MATERIAL. Que imos precisar? un cepillo de dentes ou de uñas, auga e moita paciencia.

IMG_2545

Todas as pezas exhumadas veñen cunha capa de terra que debe ser eliminada para poder identificalas e para poder continuar co proceso. Para iso, usaremos cepillos de dentes e auga. Como comentamos anteriormente, hai algunhas pezas que son delicadas e poden deteriorarse, é o caso das  sigilatas, as cerámicas  engobadas, entre outras, por iso hai que prestar especial atención ao material e avaliar se o lavado dos mesmos pode deteriorar a peza.

IMG_5719

Despois do lavado e secado do material pasamos ao seguinte paso do proceso, a CLASIFICACIÓN das pezas atendendo á cor das pastas, que nos axudarán á hora de tentar unir os diferentes fragmentos, coma se dun quebracabezas tratásese. Lembrade, que é importante realizar esta clasificación seguindo a orde das Unidades Estratigráficas.

Neste punto, tamén levamos a cabo un proceso de SELECCIÓN, atendendo ás formas, pastas, etc., que nos permiten desenvolver unha análise máis exhaustiva, que nos ofrece unha lectura tipolóxica, produtiva e cronolóxica.

A continuación, procedemos a unha das fases máis importante do traballo de laboratorio, o INVENTARIADO.

Que significa inventariar?

Inventariar significa colocar un código ou sigla a cada un das pezas, tanto dos fragmentos que foron pegados como dos que foron seleccionados, os restantes pasan a unha bolsa, onde aparece reflectido un número de sigla, o sector ou sondaxe, a unidade estratigriáfica á que pertence e o número de fragmentos que contén a bolsa.

IMG_5718

En canto ás pezas seleccionadas estás son sigladas individualmente co acrónimo da escavación, ano da campaña e un número de sigla, por exemplo: AST17-0124. AST corresponde ao acrónimo Astariz, 17 fai referencia ao ano de escavación e o 0124 o número do fragmento.

IMG_5902

Deja un comentario